|  |  |  |  |  |  |  
Concello de Tomiño - Multimedia
UNIÓN DEL PORVENIR
O Concello de Tomiño quere rehabilitar o edificio, non só polo alto valor sentimental, senón polo seu valor patrimonial. O obxectivo é conseguir a restauración e posta en valor de “Unión del Porvenir” e recuperación para uso dos veciños e veciñas de Taborda e Piñeiro. O concello fará dita reforma a través do Obradoiro de Emprego Unión del Porvenir o cal formará e dará emprego a 25 alumnos durante 1 ano, que ademais colaborarán nos traballos de rehabilitación. Deste xeit, recuperaremos parte do patrimonio cultural de Tomiño e Piñeiro e Taborda disporán dun novo espazo de convivencia.
Unión del Porvenir Galiza, ademais de ser unha das nacións con maior taxa de emigración a América, gardou sempre unha estreita relación coas persoas trasterradas. Detrás deste fenómeno colectivo agóchanse moitas historias individuais de éxito personalizadas nos coñecidos como “indianos”, mais tamén de organización societaria baseadas nos valores cívicos e a participación democrática a través das chamadas “sociedades de instrución”, que depositaban na educación a confianza no progreso, benestar e emancipación política e social. Estas sociedades estaban formadas por galegos e galegas emigrados que non esquecían as súas raíces, e se organizaban para achegar recursos cos que mellorar a vida das persoas que quedaran en Galiza. Eran proxectos que tentaban a rexeneración social, política e cultural das aldeas e vilas galegas, como paso cara ao
seu desenvolvemento económico e ollaban para o futuro coa esperanza dos cambios que habían producirse, froito do seu labor. Destaca a construción de estradas, de pontes, de lavadoiros… tamen de hospitais, asilos, e nomeadamente escolas, bibliotecas e centros culturais. Moitos levan o nome da propia sociedade, como é o caso da “Unión del Porvenir”.

No barrio de Tabordela atópase un exemplo dese esforzo. Un grupo de emigrantes das parroquias de Taborda e Piñeiro crearon en Nova York a sociedade “Unión del Porvenir” como un punto de unión, un lugar de encontro, quizais un único refuxio ao que acudir para afogar a nostalxia que producía estar lonxe da Terra. Era o 24 de decembro de 1918. Axiña abriron sede en Arxentina e Lisboa. Grazas ás achegas particulares e ás cotas mensuais lograron xuntar os recursos necesarios para erguer un edificio que se inaugurou en 1933.
Durante anos formou parte da nosa vida. Neste edificio non só aprendemos a lección do libro de texto, tamén fixemos amizades inesquecíbeis, recoñecemos o valor do esforzo individual e colectivo e gozamos do lecer nos recreos. A mediados dos anos setenta inciou unha etapa de abandono que chega ata os nosos días.
  FOTOS ANTIGAS
  FOTOS DO ESTADO ACTUAL
  PLANOS DO PROXECTO
  INFOGRAFÍAS DO PROXECTO
Concello de Tomiño - Multimedia
Concello de Tomiño