A actividade, impartida por Ugía Pedreira, terá lugar no Centro Goianés
Tomiño, 12 de marzo de 2010.- A Oficina de Igualdade do Concello de Tomiño organiza un “Taller de Nanas”, iniciativa innovadora que ten coma fin axudar a nais e pais na crianza dos seus fillos e fillas.
A actividade, inicialmente prevista para o día 17 de febreiro e que tivo que suspenderse polo temporal, será impartida pola cantante galega Ugía Pedreira, do grupo “Marful”, o vindeiro sábado 13 de marzo no Centro Goianés, en horario de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas.
No taller trataranse nanas e cancións de berce tradicionais e ás súas posibles versións para a actualidade.
Ugía Pedreira é directora do Conservatorio de Música Tradicional e folque de Lalín e colaboradora musical do programa “Un dia por diante” da Radio Galega. Ela é unha das voces mais transgresoras e eclécticas do panorama musical galego. Comezou sendo coñecida na música galega polos tres discos editados co seu anterior grupo de folque “Chouteira” e polas súas constantes colaboracións e heteroxéneas creacións.
Antes do taller de nanas, Rosa Bugallo, presidenta da Asociación Cultural “Vagalumes”, dará unha charla sobre “Conexión telemática e filosofía”.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, salientou a importancia de apoiar e promover todas as medidas que axuden a favorecer unha crianza respectuosa con espazos de encontro entre nais, pais e bebés.
Para máis información e inscricións, dirixirse á Oficina de Igualdade, na rúa Colón, 2. 1º andar, ou chamar ao número de teléfono 986 608 070.