Poucos concellos do Sur de Galicia teñen experimentado ao longo da última década un crecemento poboacional tan importante
Tomiño, 3 de marzo de 2010.- Tal e como se fixo público recentemente, Tomiño foi un dos concellos cuxo proxecto de vivendas protexidas resultou desestimado por parte do Instituto Galego de Vivenda e Solo no seu deseño do Plan Sectorial de Solo Residencial.
Desde o goberno municipal de Tomiño consideran que esta decisión limitará e condicionará negativamente o futuro desenvolvemento do concello, un dos de maior crecemento no Sur de Pontevedra, toda vez que bota por terra o Plan Sectorial Galego de Solo Residencial impulsado pola Consellería de Vivenda e Solo na pasada lexislatura. Este plan permitiría a Tomiño dispor de 105.645 metros cadrados de solo urbanizable, no que se poderían construír unhas 297 vivendas protexidas, zonas verdes e parques públicos (45.000 m2); zonas de equipamentos (12.000 m2), aparcadoiros e novos viais.
O concelleiro de Urbanismo do Concello de Tomiño, Uxío Benítez, lembrou en referencia á decisión actual da Xunta, que “o Plan Sectorial era unha gran oportunidade para o concello pois permitiría aos tomiñeses e tomiñesas ter case 300 vivendas protexidas a prezos accesíbeis (o investimento previsto ascendía a 8.583.283,86 euros) en menos de 5 anos”. O edil indica que o plan agora desestimado, permitiría ademais, ordenar, planificar e vertebrar o casco urbano de Tomiño ao interconectar a zona do novo Centro de Saúde e o Centro de Día coa Casa do Concello e a Praza do Seixo.
Gran crecemento
É de salientar que poucos concellos do Sur de Galicia teñen experimentado ao longo da última década un crecemento poboacional tan importante como o de Tomiño, que conta con 13.315 habitantes segundo o INE-09 (13.710 segundo o actual Padrón Municipal). Atendendo a súa evolución no período 2000-2009, a poboación tomiñesa incrementouse nun 22,14%, chegando a cifra de 47,41% se temos en conta unicamente a poboación da parroquia de Santa Mª de Tomiño na que se sitúa o núcleo do Seixo, lugar no que se levaría a cabo o proxecto de vivenda protexida.
Por outra banda, Tomiño é un concello mozo (41,7 anos de media) e ademais é receptor de poboación doutros puntos de Galicia, principalmente da área de Vigo.
O seguinte gráfico aporta datos da evolución poboacional do municipio comparándoo cos outros da comarca.
Territorio Evolución poboación (2000-09)
Tomiño S.M. (parroquia) 47,41 %
Tomiño (concello) 22,14 %
O Rosal 12, 46 %
Tui 12,06 %
Oia 10,32 %
A Guarda 4,25 %
-Comparativa da evolución da poboación entre os anos 2000-2009 nos 5 concellos que compoñen a comarca do Baixo Miño. Datos INE.
Se se ten en conta criterios socio-económicos, pódese asegurar que o aumento demográfico rexistrado no concello de Tomiño transcorre de maneira paralela a un crecemento e diversificación da súa economía. Con todo, a renda media dos habitantes de Tomiño (14.622 € segundo o IGE-08) non facilita que as familias poidan adquirir vivenda nos núcleos urbanos do concello (como o Seixo ou Goián), onde o precio medio dun piso estandar oscila entre os 100.000 e 120.000 euros.
Segundo precisa a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, dispor dunha razoable cantidade de vivenda protexida permitiría dar resposta á boa parte da demanda que hoxe en día existe no concello e de maneira particular no núcleo do Seixo.
A rexedora informou que en reunións mantidas cos responsables do I.G.V.S. nestes días, “convimos tratar de chegar a acordos puntuais co fin de poder levar adiante, senón o proxecto na súa totalidade, algún plan de vivenda protexida para os tomiñeses, sempre que contemos co apoio da Xunta de Galicia”.