Catro producións galegas conforman o programa organizado pola Concellaría de Cultura
Tomiño, 2 de marzo de 2010.- A Concellaría de Cultura, Educación e Participación Veciñal que dirixe Jesús Castiñeira, dedica o mes de marzo ao teatro, con catro producións galegas de renome que ofrecerá cada sábados do mes. O ciclo abrirase o día 6 coa obra “Un morto moi vivo”, a cargo de A contrabutaca produccións e interpretada polos actores Isi e Dorotea Bárcena.
A programación, organizada coa colaboración da Escola Municipal de Teatro e Danza e a Federación Terramiño, continúa o día 13 coa compañía Fulano, Mengano e Cítano e a súa proposta “Nunca menos”. O sábado 20 será Cándido Pazó do grupo Abrapalabra, quen suba ao escenario coa obra “Historias Tricolores, ou de como aqueles animaliños proclamaron a República”.
Pechará o mes de teatro o día 27, Máscara Produccións con “Por diante...e por detrás”. Todas as actuacións terán lugar no Auditorio Municipal de Goián ás nove da noite.
O concelleiro de Cultura e tenente de alcalde, Jesús Castiñeira, salientou a calidade dos actores e das obras que se van a representar durante este mes, “todas elas cunha coidada posta en escena que seguro responderá ao público máis esixente e nos fará pasar a todos uns momentos moi agradables”.
“Un morto moi vivo”
“Un morto moi vivo” é a segunda produción de Acontrabutaca, a compañía creada por Xosé Lueiro, que promete unha longa sesión de risas. Isy, Dorotea Bárcena e Chelo Do Rejo, forman o elenco dunha obra que toma a testemuña doutros éxitos do proxecto Tirinautas, como “Ensalada de Mosquito”.