A actividade pretende ensinar coñecementos de fontanería, electricidade e outras reparacións necesarias no fogar
Tomiño, 1 de marzo de 2010.- A Oficina de Igualdade do Concello de Tomiño organiza un curso de “Reparacións domésticas básicas” dirixido a mulleres non expertas na materia.
O obxectivo do curso, especialmente é a aprendizaxe das posibles reparacións e solucións dos desperfectos que ocorren no fogar.
O curso, cunha duración total de 20 horas, iniciarase o vindeiro 15 de marzo, impartíndose os días luns pola tarde. No transcurso da acción formativa as alumnas aprenderán como reparar mobles (gretas da madeira, danos no chapado, roturas, etc.) e cerramentos (renovar portas, peches, cintas de persianas e cambios de cristais). Outros contidos do curso serán os revestimentos (reparar papel pintado, pintar paredes e teitos, radiadores, reparar moquetas e azulexos), a electricidade (reparar fluorescentes, enchufes ou substituír alóxenos) e a fontanería (desatascar un desaugadoiro, reparar unha billa ou cambiar un sanitario).
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, explicou que con esta actividade “quérese dar ás mulleres habilidades en tarefas que son realizadas por homes habitualmente e nas que moitas veces as mulleres nos sentimos dependentes”. Ademais, a organización da actividade responde ás demandas realizadas por usuarias da Oficina de Igualdade, e “foi atendendo a estas peticións que decidimos organizala”, indicou a rexedora.