A obra inclúe a remodelación da área recreativa Lago da Pedra e rehabilitación dunha senda ao longo do río Cereixo
Tomiño, 8 de febreiro de 2010.- A Concellaría de Medio Ambiente informa que comezaron os traballos para a construción do colector do río Cereixo. Esta obra, cun investimento de mais de 2 millóns de euros, procedente de Fondos Europeos e executada por Augas de Galicia, implica a construción de 14 quilómetros de colectores que darán servizo ás parroquias de Sta. María, Vilameán e San Salvador de Tebra, nas que viven máis de 1500 veciños e veciñas.
As obras teñen un prazo de execución de 9 meses, polo que a final de ano deberá estar operativo o servizo para os usuarios. A intervención inclúe, ademais, a remodelación da zona do Lago da Pedra e a rehabilitación dunha senda ao longo do río ata a ponte de San Salvador, que permita poñer en valor a paisaxe do río e os monumentos ata agora descoñecidos coma por exemplo a ponte de Hospital.
Santiago Vergara, concelleiro de Medio Ambiente, sinalou que con este investimento o goberno municipal supera os 4 millóns de euros dedicados a saneamento nesta lexislatura, xa que ademais das obras de Goián e do saneamento do Cereixo, xa foron executadas obras por valor doutros 300.000 euros nos barrios de Pedra do Couto, Xibao, Mosteiro e Vilar de Matos.
No presente exercicio está previsto levar colectores ao Cotro, cun investimento de 200.000 euros do Plan da Deputación e a Forcadela; parroquia na que se investirán 200.000 euros, ademais do colector de Vilachán, no que se investirán outros 100.000 euros.