As actuacións realizáronse co asesoramento da Fundación da Enerxía de Vigo
Tomiño, 4 de febreiro de 2010.- Este mediodía presentouse en Tomiño o “Plan de eficiencia enerxética no alumeado público”, posto en marcha no ano 2008 e que continuará desenvolvéndose este ano ao longo do termo municipal.
No acto estiveron presentes a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, o concelleiro de Promoción Económica, Xaquín Villadangos e técnicos de FAIMEVI (Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo), responsables da redacción do plan e asesoramento e apoio na aplicación do mesmo.
Segundo os datos aportados polo director da fundación, Bernardo Parajó, Tomiño é un dos concellos pioneiros e máis activos no tema da racionalización da enerxía, preocupado non só por ir facendo cousas senón tamén por facelo dun xeito sistemático e organizado.
O directivo explicou o proceso de traballo desenvolvido dende que en xaneiro de 2008 o Concello asinara un convenio coa fundación para a redacción do plan.
Dende abril de 2008 leváronse a cabo actuacións en zonas de Goián, Figueiró, Estás e Torrón, quedando pendentes outras en Cristelos, Sobrada, Forcadela, Goián e Taborda.
Segundo os datos aportados, a través das actuacións xa realizadas en canto a reforma de instalacións, substitución de equipos electromagnéticos, lámpadas; acendidos programados, redución da contaminación lumínica, etc., rexistrouse un aforro enerxético de máis de 75.000 kWh, o que significa unha diminución dun 179% do consumo e máis de 8300 euros de aforro. Un dato interesante que aportaron foi que estas cifras poden traducirse en 26 toneladas de CO2 que non se emitiron, o que equivale á súa vez, a 1875 árbores respectadas.
As actuacións previstas para os próximos meses alcanzarán a zonas de Cristelos, Sobrada, Forcadela, Goián e Taborda, anticipándose un aforro anual só nestes puntos, superior a 12.000 euros.
A alcaldesa salientou o compromiso do goberno local coa mellora do medio e a calidade de vida da veciñanza, tamén nun tema como o do aforro e eficiencia enerxética. “Dende a administración, nos temos moito que facer nesta tarefa de ir mellorando o ambiente, aparte de contribuír ao aforro económico; un aspecto moi importante nestes momentos”.
Xaquín Villadangos, pola súa banda, explicou que a intención do Concello é ir traballando por todas as parroquias segundo o indique o plan de actuación, para o que contan cun investimento superior aos 180.000 euros no 2010.