O ESPAZO TIC de Tomiño presenta o seu programa de actividades para febreiro.
Tomiño, 1 de febreiro de 2010.- Os primeiros cursos do 2010 de “Alfabetización Dixital: iniciación a informática e internet” organizados polo Espazo TIC do Concello de Tomiño, finalizaron a pasada semana con 18 novos alumnos e alumnas, que recibiron de mans da alcaldesa, Sandra González, o diploma que certifica a participación nos obradoiros, destinados a que xente de calquera idade poda adquirir os coñecementos mais básicos no uso da informática e Internet.
Por otra banda, no mes de xaneiro de 2010, o ESPAZO TIC impartiu un total de 2 obradoiros tecnolóxicos de 16 horas cada un, a través dos que se formou a 14 persoas.
Asemade, durante o mesmo mes, 23 persoas foron inscritas como novos usuarios/as do espazo para poder aproveitar, de xeito gratuíto, as instalacións e actividades ofrecidas nas horas de aula aberta, a que foi utilizada nun total de 417 ocasións.
En canto aos números xerais, desde que botara a andar este servizo, foron xa 713 persoas as que se rexistraron como usuarios. Neste tempo leváronse a cabo 85 obradoiros nos que se formou a 506 participantes.
O ESPAZO TIC impartirá ovos obradoiros de achegamento ás Novas Tecnoloxías que terán lugar no mes de febreiro en Tomiño. Estes son
• “Mensaxería instantánea”: O usuario/a ao finalizar este obradoiro será capaz de utilizar diferentes programas para comunicarse en tempo real empregando unha conversa escrita. Terá lugar na aula de ordenadores do Campo da Feira durante os días 3, 4 e 5 de febreiro con dous horarios diferentes, un de maña de 10.00 a 12.00 horas, e outro de tarde entre as 18.00 e as 20.00 horas.
• “Curso de alfabetización dixital”. Realizarase na aula de ordenadores do Campo da Feira en Tomiño entre os días 15 e 25, de luns a xoves. Ao finalizar este obradoiro o/a usuario/a será capaz de manexar de forma básica un computador, así como de acceder a Internet e utilizar algúns dos recursos básicos dispoñíbeis. Haberá dous horarios diferentes para facilitar a asistencia as persoas interesadas, sendo un de mañá, entre as 10.00 e as 12.00 horas, e outro de tarde entre as 18.00 e as 20.00 horas.
Ademais, o mércores 17, ás 19 horas, na aula de ordenadores do Campo da Feira, realizarase unha charla informativa dirixida a mocidade, sobre a páxina web de vídeos “Youtube”, de media hora de duración, na que se exporán diferentes modos de descarga de vídeos aloxados nesa páxina.