Dende o goberno local, que me honro en presidir, quero expresar a miña satisfacción pola posta en marcha desta páxina Web, que nos permitirá dar a coñecer ao mundo o mellor de Tomiño.
Internet é unha fiestra aberta ao mundo que se converteu en poucos anos nun xeito imprescindible de comunicarnos; unha canle pola que podemos amosar a nosa bela e singular xeografía, a nosa singularidade arqueolóxica e histórica; o noso rico patrimonio natural e paisaxístico.
O noso labor continuo dende o goberno local, quedará reflectido neste espazo virtual, para os veciños e veciñas que desexen estar informados do que pasa día a día no seu municipio.
O web do concello debe ser unha ferramenta para a comunicación: os veciños e veciñas poden estar informados da actualidade municipal, pero tamén quixemos que fose unha ferramenta dinámica con posibilidades de comunicación en ambos os sentidos. Por iso, ofrécese a posibilidade de facer pequenas xestións, consultar expedientes e, en definitiva, avanzar na e-administración que redundará en beneficio para todos e todas.
Para os que se achegan a este web buscando información sobre Tomiño, anímoos a descubrir un avance do que poden atopar no noso Concello.
O camiño da modernidade e do progreso que todos emprendemos non ten volta atrás e non debemos esquecer que o camiño temos que facelo entre todos, e que só a convivencia en harmonía nos pode conducir cara a un futuro mellor.
|
Sandra González Álvarez
Alcaldesa de Tomiño
|
 |
|
|
|