 |
|
|
|
 |
PATRIMONIO NATURAL
|
 |
|
|
O Baixo Miño, no que se atopa o noso Concello, acolle un dos ecosistemas
máis ricos e variados de Galicia, que ademais posúe algúns endemismos de flora
e fauna que o converten nun espazo medioambiental único.
Dende o ano 2004 está integrado dentro da rede de espazos naturais protexidos
da Unión Europea, Rede Natura 2000, como Zona de Especial Conservación dos Valores
Naturais. Ademais, o esteiro do Miño está baixo o amparo da catalogación de ZEPA,
Zona Especial Protección para as Aves.
Unha das características que marca este territorio é o discorrer do último treito do
río Miño, que de forma queda salva unha escasa pendente para desembocar no mar,
formando un amplo e fermoso estuario, refuxio de numerosas especies de aves, e
cunha rica biodiversidade característica destes espazos onde se mestura o mar e o río.
Trátase dun espazo transfronteirizo, compartido con Portugal, no que se desenvolven
accións coordinadas polo Grupo de Traballo Galicia – Norte de Portugal.
A outra grande unidade paisaxística de relevancia son as elevacións naturais que
circundan o Concello, as serras de Argallo e da Groba, así como a prolongación da
serra do Galiñeiro.
Son enclaves de alto valor paisaxístico, tanto polos seus valores medioambientais
como polos excelentes miradoiros que acollen, e dende os que se domina unha ampla
panorámica de todo o territorio.
|
|
As Ribeiras do Miño
Toda a rede hidrográfica do Concello está dominada polo río Miño, que se converte nun
elemento que lle confire personalidade e particularidade xeográfica, actuando de límite natural con Portugal.
O río discorre lento neste tramo, depositando materiais aluviais no seu percorrido e formando numerosas
illas e illotes, bancos de area, marismas… e formando un amplo val ata a súa desembocadura. Algunhas destas
illas fluviais quedan asolagadas no inverno, polo efecto das enchentes do río ou das mareas vivas, cando o
mar penetra río arriba. Os efectos das mareas no río déixanse sentir ata a altura de Tui. Presentan unha
frondosa vexetación, configurada por árbores de bosque autóctono de ribeira, e son un auténtico refuxio para
a fauna,
|
|
 |
|
| Ribeira do Río Miño |
|
como a illa Vacariza, nos límites do noso Concello, e perfectamente visible dende a ponte Internacional
da Amizade, que une Goián con Vilanova de Cerveira.
Outras atópanse colonizadas de xuncais e vexetación de matogueira e aprovéitanse nalgúns casos
para pastoreo de gando en semiliberdade.
En xeral, toda a zona das marxes do propio río constitúe unha área de grande interese medioambiental
e paisaxístico, cunha das mellores representacións de vexetación autóctona, que ten o seu máximo
expoñente nos bosques de ribeira, e cunha elevada diversidade faunística. Estas ribeiras interveñen
na regulación do balance hídrico xeral, exercendo un efecto de protección contra a erosión e as
crecidas do río. Nelas tamén se forman de xeito natural, pola propia sedimentación que arrastra
o río, praias fluviais que confiren un valor engadido a esta paisaxe. Algunhas das que se atopan
nos límites do Concello están acondicionadas para o baño, coma a de Goián, que conta ademais cun
amplo espazo de recreo, ou a de Carregal. Outras son máis empregadas polos pescadores, coma a de Forcadela.
Toda a marxe do río xunto co estuario que forma na súa desembocadura constitúen un excepcional refuxio
para numerosas especies animais, principalmente de aves. Aquí atopamos numerosos peixes continentais
autóctonos e varias especies ameazadas e endémicas, coma a lamprea, o salmón, que atopa aquí o seu
límite meridional de distribución en Europa, a forma migratoria da troita ou a anguía.
O Baixo Miño conforma unha zona de especial importancia para a fauna herpetolóxica (anfibios e réptiles),
con varias especies endémicas e outras ameazadas ou de área de distribución moi reducida en Galicia.
Destaca a presenza do sapo de esporóns, as tres especies de tritóns propias de Galicia e a tartaruga
leprosa, que probablemente mantén aquí a súa única poboación en Galicia.
|
 |
|
| Fauna |
|
|
Así mesmo, o estuario é un enclave importante para as aves acuáticas, que teñen aquí numerosos núcleos
invernantes, como o corvo mariño grande, variadas poboacións de aves limícolas ou a aguia pescadora.
Máis información en:www.medioambiente.xunta.es/espazosNaturais
|
|
|
Os afluentes do Miño. O río Cereixo da Briña
 |
|
| Río Cereixo |
|
|
Os ríos e numerosos regatos que verten as súas augas no Miño marcan a paisaxe de Tomiño
e conforman os distintos vales perpendiculares ao río principal. En xeral, nacen nas
zonas altas da serra de Argallo e da Groba e contribúen, por un lado, a conformar
fermosos humedais nas zonas altas onde nacen e, por outro lado, a salpicar o
territorio con abondosa vexetación de ribeira e ofrecermos unha riqueza piscícola
que non é doado atopar noutros ríos.
|
Os principais afluentes que percorren o Concello son o río Furnia,
Cereixo da Briña e o Tollo. A eles súmanse un gran número de regatos,
que, segundo a época do ano, poden chegar a levar bastante caudal.
Pero o río máis emblemático do Concello é o río Cereixo, que nace no alto da serra
da Groba e percorre todo o Concello de Tomiño ata desembocar no Miño. As súas marxes
atópanse colonizadas por amieiros, salgueiros, loureiros e demais especies propias de
ribeira, e as súas augas cristalinas serpentean a carón de leiras e prados. Numerosos
mamíferos nocturnos aproveitan o curso do río para a procura de alimento.
O río ten construídas ao longo do seu curso diversas pequenas presas, que noutro tempo
serviron para desviar parte das augas a vellos muíños hidráulicos a través das canles
construídas a tal efecto. Un bo expoñente disto atopámolo no barrio da Pedra, onde a
unión do Cereixo con outro pequeno regato foi aproveitada para a construción dunha
pequena presa con canles de auga que van ata diversos muíños fariñeiros, hoxe en desuso.
No lugar atopamos unha extensa área recreativa, con tupidas árbores que ofrecen,
especialmente durante o estío, un acolledor refuxio para o visitante.
|
|
A serra de Argallo
Esta formación montañosa domina todo o val de Tomiño e delimita as súas marxes cos concellos do
Rosal e Oia. É un espazo natural con terreos de propiedade comunal na súa maioría e destaca
especialmente o seu valor paisaxístico e as súas vistas, que dominan un amplo territorio do
Baixo Miño. Un dos principais enclaves paisaxísticos é o Niño do Corvo, a 313 m de altitude,
cunha fermosa panorámica a dúas bandas; por un lado, a extensa chaira tomiñesa e a desembocadura
do Miño e, por outro lado, o val do Rosal.
|
A cota máxima está no Alto da Calzada, con 625 m de altitude, e nas Teixuqueiras, con 631 m.
O monte Lousado, con 613 m de altitude, e o alto da Pedrada, con 519 m, serían as dúas seguintes cotas máis altas.
Outro punto de interese atopámolo en Vilachán, cunha extensa superficie de cultivo de vide
e un miradoiro acondicionado dende o alto dos viñedos.
|
|
 |
|
| Serra de Argallo |
|
|
|
Complexo natural da Groba. O brañal de Pinzás
Esta serra abarca un amplo territorio, abranguendo os concellos costeiros de Oia e
Baiona, así como os de Tomiño e Gondomar. A ela pertence Pinzás, parroquia tomiñesa
que constitúe unha ampla chaira húmida combinada con pasteiros.
É un dos brañais máis interesantes que posúe a comarca do Baixo Miño, no que
atopamos todas as especies de anfibios presentes na comarca e a maior parte dos réptiles.
Isto danos unha idea da importancia ecolóxica desta zona, xa que a presenza destes animais,
sumamente sensibles ás alteracións dos ecosistemas, é un índice da boa saúde do medio.
|
|
 |
|
| Brañal de Pinzás |
|
Nesta chaira atopamos numerosos regatos que, de forma natural, contribúen a baleirar a
acumulación de auga que se produce. Estes regatos discorren con pouca profundidade,
humedecendo as terras anexas e permitindo así o desenvolvemento de numerosas especies
naturais e vexetais ligadas á auga.
O brañal permanece encharcado case todo o ano e por el discorren os regatos que
dan orixe ao río Cereixo.
Así mesmo, a chaira é empregada como pasteiro de numerosas cabezas de gando.
Cabalos, ovellas e vacas pastan todo o ano en réxime de semiliberdade, ofrecendo unha curiosa estampa.
|
|
|
|
 |
|
|
|
|
|
| Concello de Tomiño |
 |
|
|
|
|
|