 |
|
|
|
 |
GASTRONOMÍA E CULTRUA DO VIÑO
|
 |
|
A gastronomía de toda a comarca en xeral vén marcada pola excelente
calidade da materia prima. A proximidade do mar e do río fan que o peixe
e o marisco sexan os produtos estrela da zona.
O Miño é un dos ríos galegos cunha maior riqueza piscícola e bríndanos
cobizadas especies de tempada, coma as anguías, a solla ou a lamprea,
que ten neste río o seu principal hábitat en Galicia. Este apreciado
peixe foi abundante en moitos ríos galegos, pero na actualidade a súa
presenza redúcese practicamente ao río Miño, e ten un importante peso
na cultura gastronómica da zona.
A proximidade do porto da Guarda, cunha importante frota pesqueira
e lonxa propia, tamén achega ás nosas mesas produtos do mar de
primeirísima calidade.
Non podemos esquecer os produtos da horta, que aquí adquiren un
significado especial polo peso que o labor da agricultura ten na
economía do Concello. O excepcional microclima do Baixo Miño, e
de xeito especial Tomiño, ao abrigo da influencia marítima e con
elevadas temperaturas estivais, eleva a calidade destes produtos.
É habitual que sexan explotacións de pequeno ou medio tamaño, que non
empregan métodos de agricultura extensiva, o que lle confire unha maior
calidade ao produto. Destacamos aquí o cultivo do kiwi e tamén do mirabel,
un tipo de ameixa procedente da Europa Meridional, que é protagonista de
moitas sobremesas e que se adoita empregar na elaboración de caldo de azucre.
Outro doce típico da zona é a rosca tomiñesa, protagonista incluso dunha
festa gastronómica na súa honra, que ten lugar en Tomiño a últimos de novembro.
Engadimos tamén pola súa singularidade o licor de Cilantro, unha herba
aromática moi apreciada, e que comezou a destilarse artesanalmente en Goián,
onde hoxe en día unha empresa local produce coas técnicas artesanais este licor
e outros de café, mirabeis…
|
O viño Rías Baixas
 |
|
| Viñedos en Carregal(Tomiño) |
|
|
A denominación de orixe Rías Baixas fai referencia e delimita
xeograficamente a rexión onde se cultiva a mítica uva albariño. Os
únicos produtores deste viño son as cinco subzonas que se comprenden
dentro desta denominación, cada unha delas cunhas características propias
e que dende 1988 están integrados na Denominación de Orixe Rías Baixas.
Estas subzonas son: o val do Salnés, O Rosal Baixo-Miño, Condado do Tea,
Soutomaior e o Val do Ulla.
|
No Baixo Miño prodúcense dúas variedades de viño: o albariño, elaborado
de xeito monovarietal, con uva do mesmo nome, de aroma afroitado e envolvente.
E o rosal, obtido da mestura de uvas albariñas, loureira e caíño branco, que
achega unha gran personalidade.
A cultura do viño nesta comarca vén de tempos moi antigos e, aínda que xa
temos referencias da época romana, parece que foron os monxes do mosteiro de
Oia quen estenderon o cultivo da vide por estas terras.
Esta é a zona máis cálida das da Denominación de Orixe Rías Baixas e nela
cultívanse as vides en terrazas fluviais. As altas temperaturas da zona
propician unha excelente maduración da uva, o que lle confire ao viño un
elevado contido en azucres e unha acidez menor que noutras zonas situadas
máis ao norte.
As maiores extensións destes viñedos atópanse en Tomiño e no Rosal,
trazando un fermoso percorrido que forma parte da Ruta do Viño Rías
Baixas, que combina paisaxe, arte e gastronomía.
|
|
|
|
 |
|
|
|
|
|
| Concello de Tomiño |
 |
|
|
|
|
|