|  |  |  |  |  |  |  
O NOSO CONCELLO
Situación e descrición xeográfica
Tomiño sitúase na comarca do Baixo Miño, no extremo suroccidental da provincia de Pontevedra, enmarcado entre as coordenadas 41º 59' 02 latitude norte e 8º 44' 5 lonxitude oeste. Presenta uns límites naturais moi claros, lindando ao norte co Val Miñor (cos concellos de Gondomar e Baiona) e mais co Concello de Tui, o río Miño e Portugal polo este e os concellos de Oia e O Rosal polo suroeste.
CONCELLO DE TOMIÑO
CONCELLO DE TOMIÑO
O concello ten unha superficie de 106,6 km², sendo o maior en extensión da comarca, e unha poboación de 13 469 habitantes, repartidos en 15 parroquias. Atópase a 40 km de Vigo, a 125 km de Santiago de Compostela, a 200 km da Coruña e a 108 km do Porto (Portugal).
Atópase enmarcado entre o río Miño, que discorre tranquilo no seu último treito, e as serras de Argallo e o macizo do Galiñeiro. Ademais do amplo val configurado polo discorrer do Miño, existe un conxunto de vales secundarios perpendiculares ao do Miño que transportan as augas dos seus afluentes, como é o caso dos ríos Cereixo, Furnia e Tollo.
Así, é característica a paisaxe de formas suaves, con certas áreas máis elevadas, que proporcionan fermosas vistas de todo o val, como son o Niño do Corvo, a Pedrada ou o monte Tetón.
Tamén se caracteriza pola formación de terrazas fluviais que descenden de xeito escalonado cara ao Miño e producen extensas chairas.
Toda a área que abrangue o discorrer do río Miño está integrada dentro da Rede Natura 2000, debido á importante biodiversidade que alberga.
Clima
CONCELLO DE TOMIÑO
CONCELLO DE TOMIÑO
A súa estratéxica situación xeográfica confírelle unhas características climáticas peculiares, incluso dentro do ámbito das Rías Baixas, cun microclima único en Galicia. A comarca en xeral rexistra temperaturas bastante elevadas para a latitude en que se atopa, aínda que a influencia mariña se deixa sentir, suavizando algo o termómetro, e impide oscilacións térmicas excesivas.
Os invernos son en xeral suaves, cunha alta pluviosidade, e o verán rexistra temperaturas bastante elevadas, con pouca pluviosidade.
Este clima, e unha terra de gran fertilidade, favorece o cultivo de grandes extensións de planta ornamental, vide e diversos produtos da horta.
Historia
En xeral, todo o Baixo Miño é un territorio con presenza humana dende moi antigo. Os numerosos achados paleolíticos atopados constatan a presenza humana hai xa máis de 200 000 anos. Os diferentes momentos culturais que se suceden deixaron abondosos vestixios arqueolóxicos no noso Concello: útiles paleolíticos, túmulos, petróglifos, poboados castrexos… e marcan as sucesivas épocas de humanización do territorio.
A presenza de diversos castros atopados corroboran a existencia na comarca dun poboamento xeneralizado e en continuo crecemento, nunha época que podería iniciarse arredor dos séculos VII-VI a. C. e permanece ata a romanización, que terá lugar no século I a. C. A presenza romana durará cinco séculos, e será seguida do período xermánico a partir do século V e ata o VIII, momento en que se inicia a Idade Media.
Dende este momento, a sé episcopal de Tui xunto cos mosteiros medievais, especialmente o de Oia a partir do século XII, configúranse como dous señoríos eclesiásticos de grande influenza sobre toda a comarca, e non deixan moito poder aos señoríos laicos, coma podía ser o de Tebra. Tomiño aparece relacionado cos mosteiros de Barrantes e Santa María.
CONCELLO DE TOMIÑO
CONCELLO DE TOMIÑO
A época Moderna virá marcada polos continuos enfrontamentos con Portugal, que loitará pola súa independencia ao longo do século XVII, e deixará o territorio definitivamente configurado co seu carácter fronteirizo. Froito desta intensa actividade bélica serán as numerosas fortificacións que atopamos por todo o territorio.
A creación do novo sistema de administración municipal e xudicial no século XIX deu paso, na época contemporánea, á constitución dos concellos que hoxe forman o Baixo Miño. Tui pasará a ser sede da administración civil e xudicial, consolidándose como núcleo principal da comarca.
O concello de Tomiño emprazarase en Vilachán ata 1816, ano en que se trasladará ao lugar do Seixo, ata a actualidade.
Será unha prolífica terra en canto á arte se refire, e verá nacer ou asentarse nela a varios artistas de sona internacional, relacionados en moitas ocasións coa emigración. No campo literario destacarán Eliseo Alonso, nado en Goián, onde se asenta na actualidade unha asociación cultural que leva o seu nome; o poeta Manuel Forcadela, da parroquia que leva o mesmo nome. No campo da pintura, Antonio Fernández, nado en Goián, será o pai da escola paisaxística do Baixo Miño e terá importantes seguidores, como Xavier Pousa.
Tamén destacan no campo escultórico artistas consagrados como Magín Picallo, Xurxo Vázquez, Antúnez Pousa, entre outros, e segue a ser unha faceta artística moi dinámica no noso Concello.
Concello de Tomiño
Concello de Tomiño